jueves, 26 de febrero de 2026

Proxecto Ríos: O Abeseiro

Tres profesoras dos departamentos de Bioloxía e Física e Química visitaron a área recreativa de Toiriz co fin de sentar as bases do Proxecto Ríos. Elexiron un treito de 100 m de río para inspeccionar co alumnado no mes de maio, e levar a cabo estudos sobre a calidade hidromorfolóxica, fisicoquímica e biolóxica das nosas augas. Ademais, tomaron mostras de auga en diferentes zonas para o seu posteior análise no laboratorio escolar. Deste xeito, relacionamos as materias de índole científica coa súa realidade máis próxima, a vez que se espertan capacidades como a observación, a experimentación, o tratamento de datos e a extraccións de conclusións.

 







miércoles, 4 de febrero de 2026

Investigando sobre o entroido das Cruces


Ao longo das últimas semanas, o alumnado estivo na procura e recompilación de imaxes vencelladas ao patrimonio cultural do Entroido do Concello de Vila de Cruces, poñendo en valor unha das tradicións máis singulares e identitarias da nosa contorna.

Este traballo enmárcase no Proxecto Son das Cruces, unha iniciativa que o alumnado de 4º de ESO vén desenvolvendo dende o mes de setembro, coa intención de investigar, conservar e difundir a memoria cultural e sonora do municipio. Aínda que o grupo motor do proxecto é este nivel educativo, trátase dun labor colaborativo, no que participa todo o centro educativo a través da realización de entrevistas, da achega de testemuños e

da recollida de fotografías antigas e actuais.

Grazas a este proceso colectivo, o alumnado non só aprende a investigar e documentar o patrimonio inmaterial, senón que tamén se converte en protagonista activo da súa conservación e transmisión ás xeracións futuras. O Entroido de Vila de Cruces soa, vive e continúa grazas a este traballo compartido.

Unha das cuestións que xurdiron durante o traballo de investigación foi saber de que parroquia eran os xenerais que viñan ás Cruces hai arredor de 50 anos. As hipóteses que se manexan inclúen parroquias do propio concello como Bascuas, Brandariz, Duxame, Merza, Piloño, Ollares ou Salgueiros, mais polo de agora non se puido confirmar con certeza a súa procedencia.

Grazas ás imaxes recompiladas e aos testemuños orais, sabemos que en parroquias como Duxame, onde o Entroido deixou de celebrarse nos anos 70, ou Camanzo, cuxas celebracións tiveron lugar nos anos 50, non se conservan fotografías, pero si a memoria dos maiores. Estes lembran que eran entroidos moi animados, con grande participación e moita afluencia de xente.

Cada parroquia contaba cun día propio para celebrar o Entroido, o que convertía estas datas nun auténtico percorrido festivo polo concello:


Merza: domingo de Corredor

Bascuas: xoves de Entroido

Camanzo: venres de Entroido

Piloño: domingo de Entroido

Brandariz (Brandomés): luns de Entroido

Salgueiros e As Cruces: martes de Entroido

Aínda quedan pendentes de confirmar os días correspondentes a Duxame e Ollares, o que amosa que este proxecto segue aberto á colaboración da veciñanza e á recuperación da memoria colectiva.



Esperamos seguir contando con esta colaboración, que nos axuda a escribir a historia dun concello e das súas parroquias, mantendo viva a memoria colectiva do Entroido do Concello de Vila de Cruces.